Sunday 08 de September de 2024

Cerdido recupera o programa ‘Recrearte’ durante o mes de agosto para poñer en valor a arte local


 A xornada de inauguración celebrarase o vindeiro 1 de agosto, na Área Recreativa O Castro, ás 19 horas

 Ao longo do mes de agosto expoñeranse as obras da bielorrusa María Rykava e do viveirense Diego Pérez Dopico

O Concello de Cerdido recupera o programa de exposicións ‘Recrearte’ durante o mes de agosto para poñer en valor o bo facer dos artistas da comarca.
Neste caso, a artista bielorrusa afincada en Cerdido, María Rykava e o pintor ortigueirés Diego Pérez Dopico, tamén coñecido como ‘J. Peak’, serán os protagonistas cunha exposición das súas obras na Área recreativa O Castro.

Rykava, que se define a si mesma como unha afeccionada á pintura e á linografía en busca do seu propio estilo, será a encargada de estrear este novo formato, coa mostra das súas obras na área recreativa durante a primeira quincena de agosto.

Pola súa banda, o viveirense Diego Pérez é un apaixonado da pintura e a arte en xeral e fundador de Galioart, unha asociación cultural para poñer en valor estas disciplinas. Os seus cadros poderán verse ao longo da segunda quincena de agosto.
Desta forma, o Concello de Cerdido volve a apostar por un programa de promoción dos artistas locais que naceu hai máis de 20 anos e que deixou de facerse no ano 2015, que retorna deste xeito para seguir a promocionar o talento local.

Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “decidimos volver apostar por Recrearte porque consideramos que na nosa contorna hai moita calidade artística, que tan só precisa das plataformas e as ferramentas axeitadas para que a xente poda gozar das súas obras”.
“No seu día, Recrearte trouxo ao noso concello exposicións dunha gran beleza, que serviron para que visitantes de distintos concellos da contorna se achegaran a Cerdido para velas” engadiu.
Para a concelleira de cultura, Amalia Díaz, “este programa é unha mostra máis do proxecto de potenciación cultural do noso equipo de goberno, con outros programas como ‘Unha obra, unha mirada’, que pretenden achegar a arte aos nosos veciños e veciñas, sen necesidade de ter que mobilizarse a grandes cidades para poder ter acceso á cultura”.

Rodgríguez indica que “temos na mente distintos proxectos neste eido coa idea de seguir facilitando o acceso á arte á xente do noso Concello”.